Saturday 04 de May de 2024

Repartido material e alimentos en Cáritas de Ribeira, Palmeira e Aguiño, en ICE Renovación, no Servizo de Axuda no Fogar e en Urbaser


Os servizos de emerxencias do Concello de Ribeira coa axuda do voluntariado de Protección Civil segue coordinando a distribución de alimentos e de material de protección co obxectivo de favorecer a prevención na loita contra o coronavirus no noso municipio .

Así, segundo se dou conta esta mañá na Comisión de Seguimento de Evolución do COVID-19, as organizacións de Cáritas correspondentes a Ribeira, Palmeira e Aguiño, ICE Renovación, a concesionaria de limpeza Urbaser e máis o Servizo de Atención Domiciliaria depende dos Servizos Sociais foron beneficiarios nas últimas horas destas axudas. En concreto, Cáritas Ribeira, Cáritas Aguiño e ICE Renovación recibiron alimentos, mentres que a Urbaser lle foron entregadas 5 pantallas protectoras e 50 mascarillas cirúrxicas que se suman a outro moito material das pasadas semanas. Tamén se doaron mascarillas a Cáritas Ribeira.

No outro extremo da cadea solidaria, tamén hai que agradecer novas aportacións desinteresadas por parte da empresa Ignacio González Montes (3 palés de latas de conservas), Baldomero Fariña (mascarillas), Teresa Confeccións (mascarillas) e Sálvora C.F. (alimentos).

Por outra parte, se onte se dou conta da ampliación nun mes dos prazos de pago das taxas municipais polos servizos de subministración de auga potable, recollida de lixo e redes de sumidoiros (ata o 15 de abril) e do imposto de vehículos (ata o 15 de xuño), hoxe se fixo fincapé na redución ou devolución prorrata dunha serie de taxas e prezos públicos por usos e servizos que non poden ser prestados durante o Estado de Alarma. Son os seguintes:

• Taxa pola ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras con finalidade lucrativa.
• Taxa pola ocupación de terreos de uso público con postos de venda ambulante.
• Prezo público pola prestación de servizos e realización de actividades da oficina municipal de deportes.
• Taxa pola prestación do servicio do centro de atención á primeira infancia.
• Taxa pola prestación do servicio do conservatorio municipal de música.
• Prezo público pola prestación de servicios culturais.

Denuncias
Por último, a Policía Local de Ribeira dou conta de tres novas denuncias nas últimas 24 horas por vulnerar o confinamento.